Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Fundación CERMI Mujeres | | XV Conversatorio da Fundación CERMI Mujeres

CERMI Mujeres esixe a inclusión na lei de liberdade sexual da esterilización forzada

Conversatorio online sobre a nova regulación para a erradicación de todas as violencias sexuais.

02/02/2022

A Fundación CERMI Mujeres (FCM) esixiu incluír a esterilización non consentida como unha forma de violencia sexual no proxecto de lei de liberdade sexual, que basea parte da súa argumentación no cumprimento do Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica (Convenio de Istambul). De feito, cuestións como a  mutilación xenital feminina están incluídas (artigo 38).

Así o puxeron de manifesto tamén as distintas persoas expertas do ámbito político que participaron no  XV  Conversatorio de FCM, baixo o título ‘Cara a unha nova regulación da protección integral do dereito á liberdade sexual e a erradicación de todas as violencias sexuais en España", que tivo lugar este luns, 31 de xaneiro.

No debate, que foi dinamizado polo director da axencia de noticias  Servimedia, José Manuel González Huesa, participaron a portavoz do Grupo Parlamentario Socialista na Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados, Laura Berja Vega; a coordinadora da Fundación CERMI Mujeres, Isabel Caballero Pérez; a portavoz do Grupo Parlamentario Ciudadanos na Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados, Sara Giménez; a vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Pilar  Sepúlveda García de la Torre; a activista feminista da Plataforma 7N contra as violencias machistas, Lida Fernández Montes; e Tasia  Aranguez Sánchez como membro do Comité de Persoas Expertas do Observatorio sobre Feminismo e Discapacidade da Fundación CERMI Mujeres.

Laura Berja abordou na súa intervención a importancia de ter unha lexislación sobre liberdade sexual. “Trátase dunha lei `obrigatoria´ que constitúe un fito lexislativo no avance dos dereitos de todas as mulleres”. Ademais, pediu a colaboración de todos os grupos parlamentarios para cumprir co convenio de Istambul e poñer fin a esta grave vulneración dos dereitos humanos. “Esta lei servirá para dirixir os esforzos na prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres. Esta lei é parte do camiño” concluíu.

Neste sentido, a coordinadora da Fundación CERMI Mujeres, Isabel Caballero, sintetizou as cuestións fundamentais que debería recoller esta lei para as mulleres e nenas con discapacidade: a inclusión da esterilización non consentida, indemnidade sexual, acceso á xustiza e accesibilidade. Entre as achegas destaca a necesidade de incluír no proxecto de lei o recoñecemento da esterilización forzada como unha forma de violencia sexual na mesma liña que a mutilación xenital feminina.

Así mesmo, insistiu no dereito de pleno acceso á xustiza ás mulleres que queiran denunciar e a necesidade de que a lei recolla o concepto de “indemnidade sexual” é dicir, o ben xurídico protexido que toda persoa ten a que a formación da súa sexualidade non se vexa interferida de ningunha maneira, sobre todo nos menores e nas mulleres que teñen a súa capacidade xurídica modificada” puntualizou.

Ademais, analizou as dificultades que pode aparecer no camiño para conseguilo e pide a todos os grupos parlamentarios realizar unha abordaxe integral e a implicación de todos os ministerios nesta materia.

No mesmo sentido, Sara Giménez aclarou que o posicionamento político de Ciudadanos sobre este proxecto de lei ten como prioridade de cambio incluír a esterilización forzosa como forma de violencia sexual para mellorar a lei. “Desde a perspectiva da igualdade de xénero e tendo en conta o convenio de Istambul hai sensibilidade da maior parte dos grupos parlamentarios en materia de esterilización forzosa” anunciou esperanzada.

Pola súa banda, Pilar Sepúlveda García de la Torre coincidiu co resto das relatoras en que se debería recoller o proxecto de lei a  indemnidade sexual para garantir unha protección adecuada de determinados grupos sociais desfavorecidos, entre eles o das mulleres e nenas con discapacidade.

En consonancia coa recente reforma do noso Código Civil, Sepúlveda analizou a maneira na que debería terse en conta o apoio para a toma de decisións dos grupos máis desfavorecidos: mulleres, nenos e nenas e persoas con discapacidade. “Coincido con CERMI Mujeres en que a esterilización forzosa debe ser incluída na lei e, engadiría, o tema da prostitución” finalizou.

A este respecto, Lidia Fernández valorou o labor que fai a Plataforma 7N e as organizacións feministas que forman parte dela en relación con este proxecto de lei. “Esta a lei é necesaria, pero non é suficiente. Cremos que a lei debe ter mandados, competencias e recursos máis claros” declarou. E continuou: “Desde a nosa plataforma reclamamos unha política integral contra a violencia sexual”. Así mesmo, comentou os avances nesta materia e aquelas cuestións que “deberán resolverse durante a tramitación parlamentaria”.

Pola súa banda, Tasia Aranguez, como experta feminista, profundou nos avances do proxecto de lei e os puntos que se deben solucionar. Entre eles, revindicou a inclusión do termo indemnidade sexual no proxecto de lei con todo o que iso conleva e a importancia de incluír nesta lei “pasos cara ao abolicionismo da prostitución”.

Tamén examinou o papel da saúde mental na atención e a abordaxe das vítimas de violencias sexuais.
 
Información extraída da Fundación CERMI Mujeres.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Documentos políticos