Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

O ictus

O ictus ou accidente cerebrovascular

Ictus

O ictus tamén se denomina ACV (accidente cerebrovascular), ataque cerebral ou apoplexía. Prodúcese cando se interrompe ou reduce drasticamente a subministración de sangue a unha parte do cerebro, privando aos tecidos do cerebro de osíxeno e alimento. As células do cerebro comezan a morrer en cuestión de minutos.

O ictus é o causante do 78% dos casos de dano cerebral adquirido.

Como se ve na ilustración, hai dous tipos de ictus: o isquémico (interrupción do subministro sanguíneo pola formación dun trombo) e o hemorráxico (pola rotura dun vaso). O accidente isquémico transitorio (AIT) é un episodio breve, de menos dunha hora, e sen evidencia de infarto agudo, que se produce pola falta temporal de aporte sanguíneo a unha parte do cerebro.

Síntomas de alarma

Cando se produce un ictus é fundamental actuar rapidamente. Os avances en Neuroloxía permiten minimizar as súas secuelas se a intervención se produce nas primeiras tres horas pero, canto máis se tarda en aplicar o tratamento, máis risco hai de que esas secuelas permanezan coa persoa, provocándolle un dano cerebral adquirido.

A clave para unha rápida intervención é o coñecemento e identificación dos síntomas de alarma do ictus, que se resumen nos 3F, e poñerse en contacto inmediato cos servizos de emerxencias (112) ou urxencias médicas (061). Para máis informacion sobre os 3F pincha aquí.

3F: fala 3F: forza 3F: faciana
Non é capaz de dicir correctamente palabras simples Non pode ter os dous brazos elevados á mesma altura mentres conta ata 10 Non mostra todos os dentes ao sorrir

En inglés, os síntomas de alarma e a conduta a seguir resúmense na palabra "fast", que significa "rápido". Hai máis información na web da Asociación Americana de Ictus (ASA, polas siglas en inglés):

Letra F Letra A Letra S Letra T
Face drooping
(Cara caída)
Arm Weaknes
(Debilidade no brazo)
Speech Difficulty
(Dificultade na fala)
Time to call
(Tempo para chamar)

Mortalidade

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), correspondentes á enquisa 'Defuncións segundo a Causa da Morte' de 2019 (con datos de 2018), o ictus é unha das primeiras causas de morte en Galicia, a segunda no caso das mulleres. Inclúense ademais os datos de mortalidade causada por doenzas hipertensivas e por diabetes, que son, á súa vez, factores de risco do ictus:

DOENZA Enfermidades cerebrovasculares Tumor maligno da tráquea, dos bronquios e do pulmón Enfermidades hipertensivas Diabetes mellitus
AMBOS SEXOS 2.133 1.558 828 530
HOMES 869 1.207 297 223
MULLERES 1.264 351 531 307

Segundo a mesma enquisa, as doenzas cerebrovasculares son a segunda causa de morte en España, e a primeira en mulleres:

DOENZA Doenzas isquémicas do corazón Enfermidades cerebrovasculares Enfermidades hipertensivas Diabetes mellitus
AMBOS SEXOS 31.152 26.420 12.496 9.921
HOMES 18.423 11.435 4.108 4.407
MULLERES 12.729 14.985 8.388 5.514