Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 07/10/2022 | Sesión informativa en Ganade (Xinzo)

Colaboramos coa Escola Rural de Saúde da Limia nun ciclo de sesións informativas

Van ter lugar do 17 ao 19 de outubro nos concellos de Xinzo, Porqueira, Vilar de Barrio, Sarreaus e Baltar.

17/10/2022 - 19/10/2022 | A Limia

A información sobre o dano cerebral adquirido chega á comarca da Limia pola man da colaboración entre a Escola Rural de Saúde da Limia’e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
 
En concreto, a Federación e a Escola organizan unha serie de actividades informativas dirixidas a todo tipo de público, nas que a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo á Limia: Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Ourense, que se ocupa de toda a área sanitaria.
 
O ciclo de sesións informativas vaise desenvolver do 17 ao 19 de outubro nos concellos de Xinzo, Porqueira, Vilar de Barrio, Sarreaus e Baltar, do xeito que segue:
 
  • 17/10/2022 ás 16:00 en Porqueira (Casa do Concello – A Forxa)
  • 17/10/2022 ás 18:00 en Ganade – Xinzo de Limia (Centro Social de Ganade)
  • 18/10/2022 ás 16:00 en Arnuide – Vilar de Barrio (Centro Social de Arnuide)
  • 18/10/2022 ás 18:00 en Sarreaus (Forno do Pobo)
  • 19/10/2022 ás 16:00 en Boullosa – Baltar (Teleclub de Boullosa)
  • 19/10/2022 ás 18:00 en Sampaio – Baltar (Centro Social de Sampaio)
 
A organización desta actividade conta coa colaboración da Escola Rural de Saúde da Limia e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
A Asociación Escola Rural de Saúde da Limia é unha entidade sen ánimo de lucro de iniciativa social comunitaria cun percorrido de 11 anos que parte da necesidade de preservar e potenciar o benestar integral das persoas do rural, tendo como eixo vertebral das súas actuacións a saúde dende unha perspectiva biopsicosocial, que faga sostible o arraigo das persoas onde moran, especialmente dos colectivos mais vulnerables (mulleres, persoas maiores, con discapacidade e enfermos/as crónicos/as).

[Escola Rural de Saúde da Limia. Casa da Cultura de Xinzo de Limia. 1º andar, aula 2. Telf.: 603 784 435. Web: www.escolaruraldesaudedalimia.com]
 
Lugar de celebración:

17/10/2022 ás 16:00 en Porqueira (Casa do Concello – A Forxa)
17/10/2022 ás 18:00 en Ganade – Xinzo de Limia (Centro Social de Ganade)
18/10/2022 ás 16:00 en Arnuide – Vilar de Barrio (Centro Social de Arnuide)
18/10/2022 ás 18:00 en Sarreaus (Forno do Pobo)
19/10/2022 ás 16:00 en Boullosa – Baltar (Teleclub de Boullosa)
19/10/2022 ás 18:00 en Sampaio – Baltar (Centro Social de Sampaio)
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Información sobre o dano cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)