Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© PEXELS. | 03/11/2023 | Tomografía.

Un estudo estima un incremento do 50% da mortalidade por ictus para 2050

Son datos da Comisión de Neuroloxía da Organización Mundial do Ictus e The Lancet Neurology Commissions.

03/11/2023 | Santiago de Compostela

Segundo datos da Comisión de Neuroloxía da Organización Mundial do Ictus (WSOe The Lancet Neurology Commissions, en 2050 o número de falecementos por ictus no mundo aumentará nun 50%, alcanzando os 9,7 millóns de mortes anuais, de non tomarse medidas urxentes. É unha das principais conclusións do informe, elaborado a partir dunha revisión exhaustiva de datos de enquisas, directrices e entrevistas a expertos, co fin de avaliar solucións prácticas para reducir o impacto económico e sanitario dos accidentes cerebrovasculares.
 
O documento, dispoñible para descarga e lectura completa en inglés na web do xornal médico The Lancet, sinala que o número absoluto de persoas afectadas por un ictus (é dicir, que morren ou que sobreviven con dano cerebral adquirido) case se duplicou nas últimas tres décadas e que a incidencia do ictus en persoas novas (isto é, menores de 55 anos) está a aumentar, tanto nos países de ingresos altos como nos de ingresos baixos e medios, á vez que baixa a idade do primeiro accidente cerebrovascular.
 
Aínda que o estudo establece diferenzas segundo a renda do país, recaendo as peores proxeccións para os países de renda media e baixa das subrexións do Sueste Asiático, Asia Oriental, Oceanía e África Subsahariana, tamén apunta que o aumento das mortes e discapacidades producirase en todo mundo a curto e medio prazo debido á combinación do crecemento da poboación e o envellecemento demográfico.
 
Ademais, o estudo alerta do alto custo económico do ictus, tanto como consecuencia dos gastos sanitarios directos, derivados de tratamentos e rehabilitacións, como dos indirectos, debidos á perda de ingresos nas persoas que os padecen. En concreto, segundo as súas proxeccións, os custos pasarán dos 891.000 millóns de dólares ao ano rexistrados en 2017 aos 2,31 billóns en 2050. 
 
Ante estes datos, a WSO ofreceu aos sistemas sanitarios dos Estados apoio técnico para desenvolver e aplicar estratexias nacionais de vixilancia e prevención do ictus que poidan reducir drasticamente a súa carga. Nese senso, a presidenta da organización, Sheila Martins, lembrou que os riscos controlables representan arredor do 90% de todos os accidentes cerebrovasculares: "o ictus é altamente previble con factores de risco facilmente identificables como a hipertensión arterial, a fibrilación auricular, o tabaquismo, a inactividade física, a diabete, o colesterol alto e o consumo de alcol", subliñou.

Recomendacións

Sobre a base dos catro piares do chamado 'cuadrilátero do ictus' (vixilancia, prevención, coidados intensivos e rehabilitación), o informe identifica e proriza varias recomendacións. O seu propósito, ademais de mitigar as predicións de aumento da incidencia e de gasto masivo, é contribuir á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostenible 3.4, o Plan de acción mundial intersectorial da OMS sobre a epilepsia e outros trastornos neurolóxicos (2022-2031) e o Plan de acción mundial da OMS para a prevención e o control das enfermidades non transmitibles.
 
As propostas de acción son as seguintes.
Vixilancia
  • Incorporar a vixilancia dos accidentes cerebrovasculares e dos factores de risco nos plans de acción nacionais en materia de accidentes cerebrovasculares.
  • Establecer sistemas de vixilancia de baixo custo, idealmente dentro dos sistemas existentes para enfermidades non transmisibles, para orientar adecuadamente a prevención e o tratamiento.
  • Integrar a vixilancia periódica dos factores de risco nos censos nacionais.
Prevención
  • Establecer un sistema intersectorial para a prevención primaria e secundaria do ictus en toda a poboación. As estratexias preventivas, con énfase na modificación do estilo de vida, deben aplicarse ás personas con cualquera nivel de risco de ictus e de enfermidade cardiovascular. Por este motivo, deféndese que os servizos de prevención primaria e secundaria do ictus deben ser de libre acceso e estar apoiados por una cobertura sanitaria universal, con acceso a medicamentos asequibles para o tratamiento da hipertensión, a dislipidemia, a diabetee e os trastornos de la coagulación.
  • Sensibilizar á poboación e tomar medidas para fomentar un estilo de vida saudable e previr o ictus mediante o emprego de tecnoloxías dixitais que permitan un sinxelo e barato cribado das enfermidades cardiovasculares e os factores de risco modificables.
  • Establecer unha transferencia (ou reparto) de tarefas baseada en protocolos de profesionais sanitarios altamente cualificados a persoal paramédico, particularmente comunitario, para facilitar as intervencións de prevención primaria de accidentes cerebrovasculares en toda a poboación.
Coidados intensivos
  • Priorizar unha planificación eficaz dos servizos de atención aos accidentes cerebrovasculares agudos; á capacitación, formación e certificación dun persoal multidisciplinar; á subministración de equipos baseados en probas e medicamentos alcanzables; e a unha asignación adecuada de recursos a escala nacional e rexional.
  • Establecer redes rexionais e servizos baseados en protocolos que inclúan campañas de concienciación en toda a comunidade para o recoñecemento precoz do ictus, servizos prehospitalarios coordinados a nivel rexional, redes de telemedicina e centros de ictus que poidan clasificar e tratar todos os casos de ictus agudo, e facilitar o acceso oportuno á terapia de reperfusión, incluída a trombólise intravenosa ou a trombectomía mecánica para o ictus isquémico.
  • Integrar as redes de coidados intensivos en todos os piares do cuadrilátero de recursos, incluídos os servizos de vixilancia, prevención e rehabilitación, implicando a todas as partes interesadas (é dicir, comunidades, responsables políticos, organizacións non gobernamentais, organizacións nacionais e rexionais de ictus e provedores de atención sanitaria públicos e privados) no proceso continuo de atención ao ictus.
Rehabilitación
  • Establecer servizos de rehabilitación multidisciplinares e adaptar as recomendacións baseadas na evidencia ao contexto local, incluíndo a formación, o apoio e a supervisión dos traballadores sanitarios e coidadores da comunidade para axudar nos coidados a longo prazo.
  • Investir en investigación para xerar intervencións innovadoras de baixo custo, en concienciación pública para mellorar a demanda de servizos de rehabilitación e en apoio para mobilizar recursos e solucións financeiras para a rehabilitación multidisciplinar, especialmente en países de ingresos baixos e medios.
  • Promover a formación de profesionais para a rehabilitación de ictus, por exemplo, co emprego de portais dixitais para mellorar a formación e estender o uso de ferramentas de avaliación -como a escala de Rankin modificada e a escala de ictus dos Institutos Nacionais de Saúde de EE.UU.- e medidas de calidade de vida para avaliar o deterioro funcional e supervisar a recuperación.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Causas > O ictus
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)