Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Fragmento da portada do libro 'Eu non son o meu dano cerebral'

Eu non son o meu dano cerebral: 20 anos de movemento asociativo en Galicia

A conmemoración das dúas décadas de ADACECO, Alento e Sarela tivo que suprimirse en 2020 pola pandemia.

03/05/2021 | Galicia

FEGADACE fundouse en 2007, pero desde o inicio do milenio existía xa tecido asociativo en Galicia. En concreto, as entidades da Coruña -ADACECO-, Vigo -Alento- e Compostela -Sarela- fundáronse ao longo do ano 2000, polo que o ano pasado estiveron de 20 aniversario. O que ía ser un ano de celebración rematou converténdose en dez meses de pandemia, as actividades previstas tiveron que ser canceladas, e a Federación e as súas asociacións presentan agora o traballo realizado para conmemorar as dúas décadas de vida do asociacionismo do dano cerebral.
 
Portada do libro non son o meu dano cerebral
Eu non son o meu dano cerebral adquirido. 20 anos de movemento asociativo do dano cerebral adquirido en Galicia
 
Trátase dun libro que a través de fotografías, unha cronoloxía, e diferentes testemuños, amosa como as persoas e familias con dano cerebral pasaron de non ter onde acudir a dotarse de cinco asociacións, instalacións de atención e rehabilitación, un centro ocupacional, unha residencia, e un enorme abano de recursos complementarios que axudan a cumprir co principal obxectivo de FEGADACE: o reforzo da autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral.
Descarga aquí o libro
Eu non son o meu dano cerebral
 
Ademais de amosar unha historia de implantación e crecemento, esta conmemoración dá voz ás persoas con dano cerebral, que tamén conseguiron facerse moito máis visibles do que eran hai 20 anos. Aínda así, cada día enfróntanse a miles de barreiras que lles impón unha sociedade que non comprende a diversidade como debería. Por iso neste vídeo un grupo de persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela afirman que son precisamente iso, persoas, e non o seu dano cerebral. Contan os seus soños, os seus medos, a súa traxectoria vital... que son, sinxelamente, iguais ás de calquera persoa sen discapacidade.
Accede aquí ao vídeo
 
Día da Convención sobre Discapacidade de Nacións Unidas

O Consello de Ministros aprobou en 2019 establecer o 3 de maio como o Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas. O obxectivo é recoñecer a importancia desta ferramenta normativa e lembrar o cambio de paradigma que implica á hora de abordar todo o que implica a discapacidade.

Nesta terceira conmemoración da efeméride, o movemento CERMI decidiu dedicar a xornada á cuestión da vivenda, publicando un manifesto 'Polo dereito das persoas con discapacidade a unha vivenda accesible, accesible e inclusiva'. As barreiras coas que se atopan cada día as persoas con discapacidade son múltiples, e van desde un chanzo, que pode manter a unha persoa completamente illada na súa casa, ata a imposibilidade de asumir o importe dun aluguer. No manifesto detállanse os artigos da Convención relacionados co dereito á vivenda, e as reivindicacións do colectivo da discapacidade.

FEGADACE e as súas asociacións quixeron facer coincidir o seu chamamento 'Eu non son o meu dano cerebral' co Día da Convención porque se trata tamén dun berro contra as barreiras, coincidindo coa filosofía do texto da ONU, que sitúa as barreiras na sociedade no seu conxunto, non nas persoas con discapacidade. Explicando que todas as persoas temos medos e soños, independentemente de termos ou non discapacidade, axudamos a derrubar as barreiras que nos anulan como persoas con ideas, traxectoria, obxectivos e decisións propias.
 
Consulta aquí o manifesto do CERMI.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)