Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Plataforma del Tercer Sector | 20/07/2023 | Imaxe vinculada á campaña Casilla Empresa Solidaria de 2023.

FEGADACE apoia a campaña 'Casilla Empresa Solidaria' do Imposto de Sociedades

A medida, gratuíta e voluntaria para as compañías, recadou 43 millóns de euros para fins sociais en 2022.

20/07/2023 | Santiago de Compostela

Desde FEGADACE, integrante de EAPN Galicia e CERMI Galicia, dúas das redes que xunto á Plataforma de Infancia de Galicia impulsan un ano máis a campaña “Casilla Empresa Solidaria” no noso país, animamos ao sector empresarial a destinar o 0,7% a súa tributación a fins sociais e contribuír así a lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva.
 
No marco do período de presentación do Imposto de Sociedades, o Terceiro Sector Social Galego lembramos que esta decisión, de custo cero para as compañías, permite financiar unha gran diversidade de proxectos dirixidos a garantir os dereitos da cidadanía, especialmente da que se atope en situación de vulnerabilidade, e a loitar contra a pobreza, a exclusión social e as desigualdades.

En concreto, grazas á inxección de fondos derivada desta medida, no noso país desenvolvéronse programas de teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade e familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado ou servizos de transporte en vehículos adaptados, entre outros exemplos.
 
Empresa e impacto positivo
A recadación a través desta medida, impulsada pola Plataforma del Terceiro Sector, unha entidade sen ánimo de lucro que representa a preto de 28.000 entidades do ámbito social, foise incrementando paseniñamente dende que se habilitou por primeira vez na campaña de 2019.  Porén,  catro de cada 10 empresas, especialmente as de menor tamaño, aínda descoñecen esta posibilidade. No último exercicio recadáronse 43 millóns de euros, apenas o 23% dos 225 millóns de euros que, segundo previsións do Ministerio de Hacienda y Función Pública, se poderían alcanzar se todas as empresas optasen polo recadro de Empresa Solidaria.
 
En 2023, esta opción pódese marcar até o 25 de xullo, cando remata o período de presentación do Imposto de Sociedades, en dous modelos, o 200 e o 220. Aparece incluída no apartado ’outros caracteres – fins sociais’, na casa 00073, dentro do modelo 200, e no recadro 069, no caso do modelo 220.
 
Para máis información, descarga o estudo "El impacto de las empresas para regenerar el bienestar social" ou consulta a páxina web da campaña.
 

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > X Solidaria
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)