Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido

FEGADACE presenta unha 'Guía legal' para persoas con dano cerebral adquirido

A Lei 8/2021 establece un sistema de apoios ás persoas con discapacidade, dándolles plena capacidade xurídica.

13/03/2024 | Galicia

A Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, supuxo un cambio de paradigma que tamén implica un inxente volume de cambios que as familias e persoas con dano cerebral adquirido teñen o reto de coñecer e incorporar.
 
A filosofía xeral do que na Guía se denomina “tsunami xurídico” implica superar o sistema de modificacións de capacidade ou incapacitacións, como se coñecían popularmente, para pasar a un sistema de apoios que realiza un “traxe a medida” de cada persoa con discapacidade en función das súas capacidades e das barreiras coas que se enfronta.
 
Esta lei tamén revoluciona o xeito no que as persoas con discapacidade poden establecer o seu sistema de apoios ao reducir a xudicialización dos mesmos. O principal cambio que se introduce é a eliminación de figuras de apoio como a tutela, a prodigalidade e a patria potestade prorrogada ou rehabilitada. As persoas que exercían de titoras pasan a acollerse ás normas da curatela, que implica un apoio na toma de decisións, cuxa responsabilidade recae sobre a interesada: a persoa con discapacidade.
 
Outra novidade que mantén a liña de apoderamento para un verdadeiro exercicio da autonomía persoal é que se eliminan automaticamente dúas prohibicións: a de exercitar o dereito ao voto e a de facer testamento.
 
Desde FEGADACE detectouse certa inquedanza nas familias perante estes cambios e, para garantir que tanto as persoas coidadoras como as persoas con dano cerebral se manteñan informadas e orientadas para o exercicio dos seus dereitos, elaborouse o documento que agora presentamos: a Guía legal para persoas con dano cerebral adquirido. Aproximación á Lei 8/2021 e a outras normativas de interese para o colectivo, elaborada polo avogado e responsable do servizo de asesoramento legal da Federación, Miguel Vieito. A guía de FEGADACE é o primeiro documento deste tipo editado en galego.
 
O servizo de asesoramento legal é unha das canles a través das que FEGADACE ten detectado a devandita inquedanza con respecto aos cambios legais. Posto en marcha en 2022, o servizo está destinado a informar e aconsellar ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias nas dúbidas de carácter legal e xurídico que poidan ter en relación a calquera tema derivado da situación relacionada coa irrupción da discapacidade en toda a súa complexidade de aspectos.
 
Ademais de detallar, nunha linguaxe sinxela e esquemática, os principais cambios incluídos na Lei 8/2021, a guía explica polo miúdo como nace e se regula un apoio (tratando sempre de primar aqueles como a garda de feito, que é a que se realiza de maneira natural no contexto familiar ou social da persoa que precisa apoio), amosa como se estableceu o novo baremo de discapacidade (que procura tamén unha avaliación máis individualizada da persoa) e dedica capítulos ás cuestións do ‘patrimonio e herdanzas’ e das ‘instrucións previas’.
 
Todas estas reformas pretenden achegar o ordenamento xurídico estatal á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, promulgada en 2006, e incorporada ao regulamento español xunto co seu Protocolo facultativo o 3 de maio de 2008.
 
Presentacións e formación
 
Na liña de manter ás familias e persoas con dano cerebral adquirido informadas sobre esta cuestión, así como de resolver calquera dúbida que xorda ao respecto, a Federación Galega de Dano Cerebral está a realizar un ciclo de presentacións da Guía legal. O mesmo Miguel Vieito, xunto coa traballadora social de FEGADACE, Carla Miranda, é o encargado de impartir estas sesións informativas. Ademais das cinco sesións nas asociacións da Federación, haberá presentacións do documento en Sober e Burela en abril, así como un webinar dirixido aos membros do Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) de Galicia.
 
As presentacións públicas diríxense tanto a profesionais dos ámbitos dos servizos sociais e da discapacidade como a persoas e familias con dano cerebral adquirido. Co obxectivo de achegar esta información a cantos máis axentes sexa posible, a inscrición nas charlas é gratuíta e aberta -anunciarase proximamente- a profesionais e residentes nas comarcas e áreas de influencia dos dous concellos lucenses.
 
Créditos da guía
 
Miguel Vieito é asesor legal en FEGADACE dende o ano 2022. É avogado especializado en Dereito Médico, Dereito de Familia, xestión patrimonial e ademais experto en discriminacións (lingüísticas, por idade, por identidade sexual…). Tamén Docente e investigador en Dereito nas áreas mencionadas, así como vogal do Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; e vogal, entre os anos 2021 e 2023, do Consello de Bioética de Galicia.
 
A guía contou tamén coa revisión de profesionais do movemento asociativo do dano cerebral, unha das cinco entidades membro de FEGADACE, e coa maquetaxe e ilustracións de Raquel Boo.
 
Tanto a edición da Guía como o ciclo de sesións de presentación da mesma están financiadas polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a través da súa inclusión no Proxecto Rumbo. Esta iniciativa busca un novo modelo de autonomía persoal que conta entre as súas liñas de traballo coa potenciación do apoderamento do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Servizo de Asesoría Xurídica
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)