Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© DCA Ourense | 05/03/2024 | Disfraces en DCA Ourense

Lecer, inclusión e festa: as asociacións de dano cerebral celebraron o entroido

As conmemoracións e celebracións sucedéronse no mes de febreiro en ADACE Lugo e DCA Ourense.

05/03/2024 | Galicia

Unha das patas que compoñen a rehabilitación multidisciplinar do dano cerebral adquirido é a da inclusión e participación social a través do goce do lecer. As festas e conmemoracións forman parte do calendario das asociacións de FEGADACE; nelas, as persoas e familias con dano cerebral desfrutan dun tempo de ocio, ao tempo que se benefician en múltiples sentidos: na orientación temporal, na participación e relacións sociais, no reforzo da autoestima para promover a autonomía persoal...
 
Ourense, terra de entroido
 
DCA Ourense organizou unha gran festa de entroido coa temática da selva, na que se disfrazaron de diferentes animais. O 14 de febreiro mesturaron o entroido co San Valentín nunha gran festa na que tamén despediron á sardiña e sentaron á mesa arredor dun cocido e doces de entroido.
 
A área de Educación Social da entidade tamén organizou outras conmemoracións, como o Día de Rosalía de Castro.
 
Festa en ADACE Lugo
 
As persoas usuarias de ADACE Lugo tiveron un programa parecido, con festa e tamén gastronomía. O luns de entroido fixeron unha festa de disfraces con desfile, xogos, piñata... O venres 16 de febreiro foi a festa gastronómica: foron comer un cocido riquísimo.
 
ADACECO e Alento tamén organizaron festas. A asociación coruñesa foi fiel ao seu cocido de entroido, para o que se disfrazaron e reuniron persoas usuarias, socias, profesionais, e familiares. En Vigo fixeron unha gran festa con xogos, doces, e concurso de disfraces.
 

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Crónica: vivir con dano cerebral adquirido