Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Ministerio de Dereitos Sociais | 24/05/2021 | Resumo da reforma lexislativa aprobada o 20/05/2021

O Congreso aproba a reforma que acaba coa incapacitación xudicial por discapacidade

Substitúea por un sistema de apoios individualizados para a toma de decisións de forma libre e autónoma.

24/05/2021

O Congreso dos Deputados aprobou o 20 de maio as emendas incorporadas no Senado ao proxecto de lei que reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

O texto definitivo aprobouse na votación que tivo lugar na Cámara Baixa. A ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, destacou que “hoxe, por fin, vaise garantir a igualdade perante a lei das persoas con discapacidade” e o respecto da súa vontade.

Tamén tomou a palabra o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, quen mostrou a súa “satisfacción” pola aprobación desta norma“ e polo “consenso” co que “se traballou”.

Impulsada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), esta reforma busca acabar coa incapacitación xurídica das persoas con discapacidade e, no seu lugar, propón todo un sistema de apoios individualizados para que tomen as súas decisións de forma libre e autónoma.

Elimina as figuras da tutela, a patria potestade prorrogada e a patria potestade rehabilitada, consideradas como "pouco adaptadas" ao sistema de promoción da autonomía das persoas adultas con discapacidade. No seu lugar, o sistema de xustiza deberá proporcionar ás persoas que o necesiten as axudas e axustes necesarios (con recursos técnicos, materiais e humanos) para levar a cabo actos xurídicos tan diversos como casar, comprar unha vivenda ou facer testamento.

O seu obxectivo é adaptar a lexislación civil española á Convención de Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que entre outros puntos establece a súa igualdade en canto a capacidade xurídica e prohibe a discriminación neste ámbito.

Melloras

Os grupos do Senado presentaron máis de 290 emendas ao proxecto de lei, moitas das cales foron incorporadas. Na súa redacción inicial, o proxecto de reforma incidía en sete leis (o Código Civil, a Lei do  Notariado, a de Axuizamento Civil, a do Rexistro Civil, a Lei de Patrimonio, a de Xurisdición Voluntaria e a Lei Hipotecaria). Agora afecta tamén á Lei de Comercio, debido a que un dos seus artigos será tamén modificado.

Outras modificacións incluídas no Senado teñen que ver coa eliminación do termo “minusválido” ou “diminuído” de todas as leis; a introdución de medidas para que as persoas con discapacidade poidan participar nos procesos xudiciais “con garantías", de forma que poidan "entender e facerse entender”, e a incorporación da figura do “facilitador”, un experto que lles axudará ao longo de todo o proceso.
 
Información extraída da páxina web do CERMI.
Noticia sobre a aprobación do anteproxecto de lei.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > E despois que?