Clausura do ciclo 'Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema'
FEGADACE organizou no mes de outubro a proxección de filmes sobre a discapacidade e a inclusión.
O pasado xoves pechouse na sede de Afundación de Santiago de Compostela o ciclo de cine 'Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema', unha aproximación fílmica ao tratamento da inclusión e da discapacidade no sétimo arte. Durante o mes de outubro, realizáronse seis sesións nas sedes de Afundación da Coruña e de Santiago, onde se proxectaron tres películas que abordan o dano cerebral adquirido desde diferentes puntos de vista.
Ao longo destas semanas, os asistentes puideron desfrutar das películas: Anxos sen paraíso, de John Cassavetes; O meu fermoso cerebro roto, de Sophie Robinson & Lotje Sodderland; e Máis alá do espello, de Joaquim Jordá. Ademais, tralas proxeccións, profesionais de ADACECO e Sarela puideron debatir cos espectadores sobre o tratamento da discapacidade nos filmes así como resolver calquera dúbida sobre o tratamento do dano cerebral nas mesmas.
Este proxecto de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, que contou co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración de Afundación, completouse coa realización da curtametraxe de animación 'O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido', de Miguel Gallardo.