Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

FEGADACE achegou información sobre o DCA a 19 concellos do rural galego

Este ciclo de charlas realizado pola federación contou co apoio da Obra Social Caixabank.

21/11/2019 | Galicia

O pasado martes rematou no Concello de As Neves un novo ciclo de charlas sobre o dano cerebral adquirido, impartidas pola traballadora social de FEGADACE, que achegou a  19 concellos do rural información sobre esta discapacidade. Este proxecto de sensibilización, posto en marcha co apoio de Caixabank, contou coa asistencia de 340 persoas dalgúns dos concellos coa poboación máis envellecida de Galicia.

O obxectivo principal desta actividade foi achegar a información sobre o DCA para axudar na súa prevención, na medida do posible. Nas 19 sesións impartidas falouse das causas do dano cerebral e dos signos e síntomas de alarma; facilitáronse medidas para a súa prevención e pautas de actuación no caso de ter DCA; e proporcionáronse referencias sobre os recursos máis próximos a cada localidade e os dereitos das persoas con esta discapacidade e as súas familias.

As charlas organizáronse en colaboración cos servizos sociais dos concellos. Ademais, durante algunhas das formacións impartidas, a traballadora social de FEGADACE estivo acompañada por profesionais de ADACE Lugo, Renacer e Sarela, que aproveitaron a ocasión para presentar aos asistentes as súas asociacións naquelas vilas onde son a entidade de referencia.

Continuación do proxecto para o rural galego

Este ciclo de charlas supuxo a continuación da actividade posta en marcha en marzo de 2019, cando se levaron a cabo 32 formacións noutros tantos concellos galegos. As localidades volveron a ser seleccionadas entre as que presentaban un maior Índice de Envellecemento segundo o IGE. Nesta ocasión, o proxecto iniciado en agosto contou co apoio da Obra Social Caixabank Compostela.

As actividades formativas desenvolvéronse nas catro provincias galegas, sendo Lugo e A Coruña onde se programaron un maior número de charlas. A relación completa de concellos pódese consultar neste mapa:
 



 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)