Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Sarela | 27/02/2020 | Logo do 20 Aniversario de Sarela

A Asociación Sarela conmemora con diversas actividades o seu 20 Aniversario

A entidade compostelá porá en marcha actividades en Santiago e nos concellos da contorna.

27/02/2020 | Santiago

En decembro de 2000 un pequeno grupo de familias e profesionais puxeron en marcha unha das primeiras entidades galegas que miraron polos dereitos e benestar das persoas con dano cerebral adquirido. Así, neste ano 2020 a Asociación Sarela celebra o seu 20 aniversario, e o fai coa organización dunha gran cantidade de actividades que realizará ao longo do ano tanto en Santiago como nos concellos da área sanitaria. O obxectivo fundamental é reivindicar o traballo realizado nestes vinte anaos e dar visibilidade, sensibilizar e previr o DCA.

Durante estes primeiros meses do ano a asociación compostelá xa puxo en marcha o ciclo de charlas 'Coñecendo o DCA con Sarela', dirixida ao alumnado de primaria e secundaria. Así mesmo, Sarela desenvolverá outra actividade de sensibilización, 'Ponte no meu lugar', na que calquera persoa poderá experimentar as dificultades que teñen as persoas con dano cerebral adquirido á hora de realizar actividades da vida diaria.

Co gallo do 20 aniversario, haberá tamén actividades para concienciar sobre algunha das secuelas vinculadas a esta discapacidade. Deste xeito, a entidade quere dar visibilidade aos problemas para alimentarse dalgunhas persoas con DCA por causa da disfaxia a través da elaboración dun menú e dun obradoiro de adaptación de alimentos realizado por un chef da cidade de Santiago.

Prevención e actividades lúdicas e institucionais

A prevención do dano cerebral adquirido tamén será protagonista durante este ano, co desenvolvemento dun proxecto para previr as lesións debido a accidentes na vía pública, como son os peóns, os ciclistas ou os usuarios de patinetes.  Ademais, Sarela porá en marcha a iniciativa 'Fai deporte con Sarela' para promover a actividade deportiva inclusiva e dar a coñecer as posibilidades do deporte adaptado.

Por último, ademais das actividades propias polo Día do Dano Cerebral e o Día do Ictus, a asociación realizará un ano máis unha obra representada polo seu grupo de teatro e estreará un video conmemorativo deste 20 aniversario, para completar esta celebración coa organización dun acto institucional o 19 de decembro.

 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela