Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Elba Pedrosa

"Empezar de cero"

22/04/2019

"


Era un home miúdo. Pequeno de corpo, e máis de pensamento. De ideas escasas, valores escuros. Cunha morea de teimas que andaba a remexer días e noites. Adicara a vida a mirar por riba dos ombreiros dos outros, e por tras dos que pensaba que algún día poderían medrar máis ca el.

Dende o principio non tivera dúbida; Anxo era moito máis ca el. Sabíao, o medio home, coma todos nós sabiamos tamén que Anxo era persoa de meirande intelixencia ca o noso último e cobizoso xefe, a pesares de que por respecto ou seica por medo a perderen o traballo, Anxo calaba a boca. Trababa a lingua cos dentes, asentía cun leve aceno e dáballe as costas. Sen chistar.

Anxo levaba unha chea de anos a traballar arreo na consultora e enchíase de paciencia para poder lidar con xefes fachendosos, inseguros ou de pouco fiar, sen que lle levaran a vida por diante. Porén ás veces sabía que era mellor non discutir, deixar as cousas pasar ata que amainara.

Mais daquela non as deixou ir. Chiscoume o ollo e ergueuse da mesa da xuntanza cunha afouteza e claridade como nunca amosara. Bateu co puño ao carón do medio home, e sen querer guindoulle polo aire o informe de resultados que andaba a follear con menoscabo. Quedamos abraiados, cun sorriso cómplice agochado nas facianas.

-Basta! -espetou deseguido sen mirar para o home que acotío lle desprezaba- Non vou calar máis as verdades –e marchou.

Apenas pasaran uns días dende que Anxo voltara do hospital logo do accidente. Na oficina andabamos moi preocupados co asunto. Trabucaba as verbas nas conversas, esquecíase das persoas... Contaranos que tiña que empezar de cero, e era claro que acordara empezar xa. Daquela marchamos todos da xuntanza. Quedou o xefe. Berraba sen control.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as