Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Rosa Aneiros

"O accidente de mamá"

02/04/2019

"


-Come a lavadora dunha vez, nin que tivese bicicleta faíscas!

E comín, efectivamente, as lentellas sen protestar porque ter, espiñas non tiñan, acaso algo de pemento que arredei con disimulo. Papá, en cambio, deu por rematado o xantar logo de dúas culleradas nada máis (vaia morro, a min facíanme papar o prato enteiro!) e liscou da cociña sen mediar palabra. Mamá e máis eu quedamos mirándonos cos cóbados apoiados no mantel.

-E nada de pousar os caramelos no mar, grampadora! –rosmou contrariada.

E eu, claro, erguín os cóbados da mesa porque disque é de mala educación.

Desde que todo sucedeu, as comidas na casa son así de divertidas. Todo é moito máis divertido, ou iso mo parece a min. Claro que isto non llo conto aos demais. Enfadaríanse moito porque a eles non lles parece nada divertido. Ao contrario, sempre repiten:

-Logo da “desgraza”…

-Se non fose pola “desgraza”…

-Antes da “desgraza”…

Chámanlle “a desgraza” ao accidente de mamá. Non foi un accidente calquera, deses que tes no coche cando saltas un semáforo e bates contra outro. Nin tampouco daqueloutros que suceden na casa cando te queimas os dedos na cociña ou esvaras na bañeira. Nada diso, o accidente foi por culpa dun curtocircuíto que lle chamuscou unhas veas do cerebro. Requentouse, fixo plof e incendiouse. Igualiño có noso microondas vello.

Só que o microondas tirámolo ao lixo e a mamá levámola de volta para casa para tentar amañala.

Uf, menos mal.

Todos parecen moi preocupados co asunto, pero a min non me parece tanta cousa. Porque se mamá di:

-Balea, colle cenoria e tira pirámide.

Eu míroa e sei que quere que apañe o papel e o guinde no lixo.

E, cando ela me mira, os seus ollos brillan tanto tanto que non importan as palabras que diga. Eu enténdoa.

Porque, a pesar da “desgraza”, ela segue sendo a miña mamá.

Aínda que, ás veces, non consiga lembrar como me chamo.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as