Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Inma López Silva

"O péndulo"

01/04/2019

"


Esquecérame por completo. Míroas nas cadeiras de rodas, coma robots estrepitosos, tomando cafés. Almorzamos xuntas moitas veces, pero nunca me lembraron a Carlos, o Péndulo. A el non lle importaba o alcume. Que máis dá, dicía arrastrando o ese. Estabamos en clase e, de súpeto, erguíase, abría as pernas, xuntaba as mans ás costas coma os homes serios, e púñase a balancearse dun lado a outro, coma un péndulo. Horas así. Todos os principios de curso escollía o lugar axeitado, ao fondo, con espazo para pendular a gusto. Carlos balanceábase, tatexaba e erguía a man para contestar parvadas. Sacaba noves en mates. E non paraba de balancearse.



Agora as dúas mulleres discuten, aí sentadas cun monitor da residencia para persoas con dano cerebral onda a que traballo. Non sei por que non lembrei a Carlos nunca nos últimos anos. A diario vexo a vida a través desas xanelas: aí enfronte comen, máis alá fan exercicio; e puxeron unha horta con tomateiras. Un amigo escribiulles unha novela, pero a min esqueceume Carlos. De súpeto unha das mulleres berra e lisca. O seu paso deixa un rastro de cadeiras envorcadas, porque as cafeterías nunca están pensadas para discusións. A súa amiga choromica. O monitor déixaas. Ninguén se mete nas discusións entre persoas adultas.



Aos sete anos, discutín con Carlos. Quería un xoguete meu, así que aproveitei para roubarlle un tesouro seu. El era moi de tesouros e eu de rarezas, así que lle collín un puzzle diminuto que gardei ata que, cinco anos despois, unha tarde en que pintaba as unllas onda o colexio, apareceu Carlos dicíndome “Podes devolverme aquilo que che prestei?”. Seguía arrastrando os eses.



Igual vive agora nun lugar coma este que observo cando baixo as escaleiras ás escuras e penso nunha mala caída. Esqueceume Carlos, coma o puzzle. Esas dúas mulleres volven estar xuntas, e dinme adeus coa man desde unha xanela. Sorríolles. Unha fai o xesto de degolarme. A outra rífalle. Non quero esquecer isto.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as