Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 26/10/2023 | Integrantes do movemento asociativo, posan polo Día do DCA 2023 no Parlamento.

Manifesto do movemento asociativo polo Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido 2023

Este ano o colectivo centra as súas reivindicacións nas secuelas invisibles da discapacidade.

26/10/2023 | Santiago de Compostela

O valor do que non se ve. As secuelas invisibles do dano cerebral adquirido

Que valor ten poder orientarse para entrar nunha sala de cine e ver unha película? Canto vale entender un panel cos horarios do transporte público?
 
Cada 26 de outubro, a Federación Española de Dano Cerebral e o seu movemento asociativo xuntámonos para visibilizar as consecuencias do dano cerebral adquirido.
 
O DCA é unha lesión súbita no cerebro. Pode ser provocada por un ictus, un traumatismo cranioencefálico, un tumor cerebral, unha anoxia ou unha infección.
 
Mais o dano cerebral adquirido vai máis aló das súas causas. O cerebro encárgase dos movementos voluntarios, como camiñar ou estender un brazo; e procesa a información que recibe a través dos sentidos. Tamén controla outras funcións que non se ven, como a respiración, a dixestión, a fala, a memoria ou o control das emocións e da conduta.
 
Unha lesión no cerebro pode alterar a súa capacidade para desenvolver estas funcións. Estas alteracións, que a miúdo non se ven a simple vista, están presentes en todas as esferas da vida: as relacións con outras persoas, o traballo, o ocio ou os estudos. Accións como mercar unha entrada e ir ao cine ou a un museo, facer a compra no supermercado, viaxar en transporte público ou acudir ao centro de saúde poden converterse en grandes retos para as persoas con dano cerebral adquirido.
 
A toma de conciencia sobre as barreiras que atopan as persoas do colectivo e o conxunto das persoas con discapacidade trouxo avances na atención, a capacidade xurídica e a accesibilidade. Porén, aquilo que non se ve, non recibe a adecuada rehabilitación e dificulta a inclusión e o apoio ás familias.
 
Desde a Federación Española de Dano Cerebral, que representa ao movemento asociativo de persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias no exercicio dos seus dereitos de cidadanía e a súa plena inclusión na comunidade, reclamamos:
 
  • Que se impulse unha Estratexia Nacional de Atención ao dano cerebral adquirido que garanta unha atención coordinada, integral e multidisciplinar a cada persoa con dano cerebral, independentemente da súa situación socioeconómica e do seu lugar de residencia, e que teña en conta todas as secuelas que afectan á súa vida, incluíndo aquelas que non se ven.
  • Que se elabore un censo completo do número de persoas con dano cerebral adquirido en España.
  • Que se cree a categoría diagnóstica “dano cerebral adquirido”, aplicable no momento da alta hospitalaria.
  • Que se inclúa á familia como parte beneficiaria do proceso de atención, e non só como parte colaboradora.
  • Que nos plans de atención sociosanitaria se teñan en conta as necesidades específicas das persoas con dano cerebral con maior vulnerabilidade, como son as persoas con dano cerebral severo, os menores con dano cerebral e as persoas con alteracións graves da conduta; así como das súas familias.
Este 26 de outubro, Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, queremos facer visible todo o que non se ve.
 
“Unha vida salvada merece ser vivida con dignidade”.
 

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Día Nacional do Dano Cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)