Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Xubilación anticipada

Novas medidas para facilitar a xubilación anticipada co 45% de discapacidade

FEDACE saúda a actualización normativa pero reitera a necesidade de que mencione expresamente o ictus.

07/06/2023

A Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) amosou o seu agradecemento perante a aprobación en Consello de Ministros do Real Decreto 370/2023, do 16 de maio, que actualiza e flexibiliza as condicións para que traballadores e traballadoras con discapacidade igual ou superior ao 45% accedan á xubilación anticipada.

Con todo, o anexo do Real Decreto que especifica as discapacidades que poden dar lugar á redución da idade xubilación recoñece unicamente como causas do Dano Cerebral Adquirido os Traumatismos Cranioencefálicos ou como secuela de tumores do SNC, infeccións ou intoxicacións. En España, os accidentes cerebrovasculares (ictus) son a causa do 84% dos casos de Dano Cerebral Adquirido, e estímase que o 44% das persoas que sobreviven a un ictus presentan unha discapacidade grave como resultado da lesión cerebral.

Un dos factores que afecta en maior medida á supervivencia a longo prazo das persoas que tiveron un ictus é a gravidade da discapacidade. Os estudos científicos dos autores Shavelle (2019), Chiu (2019) e Martínez-Beneyto (2011) conclúen que se produce unha diminución da esperanza de vida tras un ictus.

É por iso que desde a Federación Española de Dano Cerebral reivindícase desde hai anos a inclusión do ictus de forma específica nese anexo de discapacidades, co obxectivo de facilitar ás persoas con Dano Cerebral Adquirido por esta causa o acceso á redución da idade de xubilación.

O Real Decreto dispón á súa vez a creación dun procedemento de inclusión de novas patoloxías xeradoras de discapacidade, que deberá ser sometido a consulta previa do Consello Nacional da Discapacidade antes do 1 de decembro de 2023, e no que FEDACE espera atopar a vía para completar esta reivindicación histórica e necesaria para o colectivo de persoas con Dano Cerebral Adquirido.

A posibilidade de que traballadores e traballadoras con discapacidade do réxime xeral da Seguridade Social se acollan á xubilación anticipada en determinados supostos, tal e como afirma o CERMI, é unha forma de compensar a menor esperanza de vida orixinada pola discapacidade ou a intensificación dos efectos do envellecemento causados por esta razón.

Esta actualización responde a unha das demandas do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), do cal forma parte FEDACE, que estaba contemplada na última renovación do Pacto de Toledo aprobado polas Cortes Xerais. Unha das recomendacións específicas aludía á flexibilización de xubilación anticipada das persoas con discapacidade igual ou superior ao 45%.

Claves da nova normativa
 
  • O tempo de cotización para acceder a esta modalidade de xubilación pasa de 15 a 5 anos desde o momento en que se produce a valoración da discapacidade.
  • Permite acumular distintas discapacidades con diferentes graos para alcanzar o limiar do 45% esixido.
  • Un informe médico que acredite a discapacidade será suficiente para solicitar esta modalidade de xubilación.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información legal