Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Sergas | 11/01/2022 | Os 3 F para a detección do ictus

O ictus, clasificado pola OMS enfermidade do sistema nervioso desde o 1 de xaneiro

A SEN aplaudiu este cambio, unha reivindicación histórica da comunidade neurolóxica.

12/01/2022

Desde o 1 de xaneiro, a Organización Mundial da Saúde (OMS) incluíu, na súa nova Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE), o ictus como unha enfermidade do sistema nervioso e non do aparello circulatorio, revisión que foi aplaudida pola Sociedade Española de Neuroloxía (SEN).

O presidente da SEN, José Miguel Láinez, explicou que o feito de que o ictus estivese clasificado como enfermidade circulatoria levaba a que se confundise cunha enfermidade de corazón e "confundir as enfermidades cerebrovasculares coas cardiovasculares xerou problemas na poboación á hora de identificar os síntomas, algo realmente perigoso porque tratar a tempo un ictus é importantísimo".

Ademais e segundo o presidente da SEN, "o sistema de clasificación da OMS ten un gran impacto en como asignan os gobernos os fondos económicos á investigación, aos tratamentos e ás infraestruturas hospitalarias".

E, se as cifras non se rexistran de maneira correcta, subliñou Laínez, é moi difícil levar a cabo campañas de información xeral que permitan fomentar o coñecemento das enfermidades cerebrovasculares por parte da poboación.

Outro dos problemas que xeraba a antiga clasificación da OMS é que producía confusión nas análises estatísticas. Ao clasificar de maneira correcta as enfermidades cerebrovasculares, as cifras de persoas afectadas é máis precisa e estas enfermidades logran mellor atención.

O ictus é a segunda causa de morte na poboación española (a primeira nas mulleres) e a primeira causa de discapacidade adquirida no adulto.

A pesar de ser unha urxencia médica, o 50 % da poboación descoñece cales son os síntomas dun ictus.

En España, unhas 110.000 persoas sofren un ictus cada ano, das cales polo menos un 15% falecen e, entre as sobreviventes, ao redor dun 30% queda en situación de dependencia funcional.

O 1 de xaneiro entrou en vigor a undécima Clasificación Estatística Internacional de Enfermidades e Problemas Relacionados coa Saúde da OMS, unha ferramenta que busca a estandarización mundial dos datos que os países membros recollen no ámbito da saúde, segundo o diagnóstico dos pacientes.

A SEN lembrou que a comunidade neurolóxica internacional levaba anos loitando por tentar que se clasificase correctamente esta enfermidade, polos problemas estatísticos que xeraba e tamén pola confusión que creaba na poboación á hora de entender en que consisten as enfermidades cerebrovasculares.
 
Información extraída da Axencia EFE

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Causas > O ictus