Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© INE | 28/12/2018 | Defuncións por doenzas cerebrovasculares

Os accidentes cerebrovasculares son a primeira causa de morte en Galicia

Cifra referida á poboación xeral e ás mulleres; no caso dos homes, a principal son os tumores de pulmón.

28/12/2018 | Galicia

O Instituto Nacional de Estadística (INE) facía pública a semana pasada a última enquisa de 'Defuncións segundo a causa de morte', baseada nos datos de mortalidade do ano 2017. En Galicia producíronse o ano pasado 31.962 defuncións, e as doenzas cerebrovasculares (entre as que se atopa o ictus) resultaron ser a primeira causa de mortalidade.

As enfermidades cerebrovasculares causaron en 2017 en Galicia 2.179 defuncións, 1.338 de mulleres e 841 de homes, situándose como primeira causa de morte. Sen embargo, no caso dos homes, a primeira causa de morte son os tumores malignos da tráquea, dos bronquios e do pulmón. Produciron un total de 1.563 mortes, das que 1.225 foron de homes e 338 de mulleres.

No total estatal, as doenzas cerebrovasculares son tamén a primeira causa de mortalidade en mulleres (15.382 falecementos dun total de 26.937), se ben, en termos globais, as doenzas isquémicas do corazón resultan ser a principal causa de defunción, cun total de 32.325 falecementos (19.32 homes e 13.193 mulleres).

E enquisa do INE presenta tamén as causas agrupadas en epígrafes maiores; atendendo a eles, no 2017 en Galicia as mortes por tumores ascenderon a 8.692, mentres que as causadas por doenzas do sistema circulatorio -entre as que se atopan as motivadas por accidentes cerebrovasculares- chegan a 9.677.

Outras causas de dano cerebral adquirido

Relacionadas cos accidentes cerebrovasculares, como factor de risco dos mesmos, atópanse as doenzas hipertensivas e a diabetes. Estas doenzas tamén supoñen unha causa de morte por si mesmas. no 2017 faleceron en Galicia 876 perosas por doenzas hipertensivas (609 mulleres e 267 homes), mentres que 595 perderon a vida por causa da diabetes mellitus (332 mulleres e 263 homes).

Os accidentes de tráfico causaron 136 mortes (96 homes e 40 mulleres), e as caídas accidentais 397 falecementos (200 mulleres e 197 homes). Ambos factores son dos principais causantes de traumatismos cranioencefálicos que, á súa vez, provocan dano cerebral adquirido.

Como terceira causa do DCA sitúanse os tumores cerebrais. Os tumores malignos do encéfalo causaron 195 falecementos, menres que o capítulo de "outros tumores malignos neurolóxicos e endocrinos" recolle unha cifra total de 50 mortes.

No apartado sobre o ictus da nosa páxina web pódense consultar os gráficos. Tamén hai máis información sobre as causas do dano cerebral. Ademais, esta información do INE analiza os principais datos da enquisa.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Causas > O ictus