Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 17/02/2022 | Charla sobre o dano cerebral impartida por Renacer

Renacer desenvolve charlas de prevención do dano cerebral no rural ourensán

O educador social da entidade leva realizadas 25 accións informativas en concellos de toda a provincia.

17/02/2022 | Ourense

A Asociación de Dano Cerebral de Ourense, Renacer, desenvolve un programa de prevención do dano cerebral adquirido no rural que xa levou información a 25 concellos da provincia. O programa artéllase en forma de charlas que imparte o educador social da entidade, Jose Antonio Fernández, aos concellos e entidades que o solicitan.

O programa ten as súas raíces nunha rolda de contactos con todas as asociacións veciñais do concello de Ourense. Desde aí, arredor de 2016, Renacer levou información para a sensibilización e prevención do dano cerebral a concellos como Xinzo de Limia, Piñor, San Cibrao das Viñas, Maceda, Pereiro de Aguiar ou Paderne, ademais da cidade de Ourense.

O contido das charlas está centrado en achegar á cidadanía que é o dano cerebral adquirido, cales son as súas principais causas, que consecuencias ten para a persoa, e cales son os factores de risco a ter en conta, para redundar na idea da prevención. Tamén se mencionan os recursos de atención dispoñibles.

Os escenarios das accións informativas teñen sido desde pequenas asociacións nas contornas máis rurais a entidades grandes como a Cruz Vermella ou empresas industriais.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Educación para a saúde > Prevención do dano cerebral adquirido
Recursos de Atención > Mapa de recursos > DCA Ourense