Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 21/09/2020 | Asemblea Xeral Extraordinaria do 19/09/2020

Renovada a Xunta Directiva e aprobado o Plan Estratéxico 2020-2023 de FEGADACE

Luciano Fernández continúa como presidente da Federación Galega de Dano Cerebral.

21/09/2020 | Santiago

FEGADACE organizou este sábado, 19 de setembro, unha Asemblea Xeral Extraordinaria dirixida a renovar, tras catro anos de mandato, a Xunta Directiva da entidade. O formato foi semipresencial, con parte da asistencia a través de videoconferencia e outra parte desprazada fisicamente a Santiago.

Luciano Fernández -representante de Sarela- renovou o seu cargo como presidente da Federación. Encabeza un equipo no que continúan Luisa Ramírez (de ADACECO) como vicepresidenta; Laura Abeledo (ADACE Lugo), que exercía como vogal, pasa a ser secretaria; Fidel Castro (Alento), antigo secretario, estréase como tesoureiro; e Berta Delfina (Renacer) incorpórase ao órgano directivo como vogal.

O outro asunto tratado na Asemblea Extraordinaria foi a aprobación do Plan Estratéxico 2020-2023 de FEGADACE. Este novo documento conta cunha principal novidade: a Federación pasa dunha planificación bianual a dotarse dun documento estratéxico a catro anos vista. O seu proceso de elaboración viuse lixeiramente demorado por causa da irrupción da pandemia da COVID-19, que obrigou a trasladar ao campo virtual a totalidade do proceso de deliberación e análise.

O Plan Estratéxico conta con cinco liñas estratéxicas:

  1. Acción política e fortalecemento da presenza social da Federación.
  2. Comunicación externa e sensibilización social sobre o dano cerebral.
  3. Porxectos e programas para a mellora da calidade de vida.
  4. Crecemento e cohesión asociativa.
  5. Consolidación estrutural e sustentabilidade económica da Federación.

O equipo humano que traballou no plan estivo composto por membros da Xunta Directiva, direccións das asociacións Federadas e persoal técnico, xunto coa colaboración da empresa Retnova. Ademais da definición de obxectivos e liñas de actuación, o grupo decidiu renovar tamén a misión e a visión de FEGADACE para actualizalas e acompasalas co novo plan:

Misión

Fegadace é a entidade social que une, dinamiza e representa o movemento asociativo do dano cerebral en Galicia, cuxo obxectivo é desenvolver a acción social, institucional e técnica para acadar a autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral e das súas familias.

Visión

Fegadace representa a un movemento asociativo consolidado, forte e cohesionado que traballa para visibilizar o dano cerebral e situalo na axenda social de Galicia, na perspectiva de seguir mellorando o seu coñecemento, achegar ás persoas con dano cerebral e ás súas familias un óptimo acceso aos recursos e facilitarlles o pleno exercicio dos seus dereitos de cidadanía.

Arquivada en:
Transparencia > Órganos de goberno
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)