Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 19/09/2022 | Podio final da Carreira e Andaina Solidaria

Seis galardoadas e máis de 300 persoas correron e camiñaron #PoloDanoCerebral

A práctica totalidade vestiu a camiseta conmemorativa para subliñar a participación solidaria na proba.

19/09/2022 | Santiago

Máis de 300 persoas participaron este domingo, día 18 de setembro, na Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’, que percorreu as rúas e camiños do Campus Sur e da Alameda de Santiago de Compostela.
 
 
Ás dez da mañá saía a categoría absoluta da carreira, con máis de 100 persoas inscritas. O seu gañador culminou o percorrido en 17 minutos, e poucos máis tardaron as súas compañeiras e compañeiros, que pouco despois das once menos cuarto participaron na cerimonia de premiación a carón do monumento a Manuel Ventura Figueroa. Esta é a composición do podio:
 
  • Feminino:
1. Cristina Carril Boo: Club Atletismo O Pino
2. Inés Ramos Trasar: Club Atletismo Sar
3. Vanesa Insaurralde: Club Atlética A Silva / Centro Encuentra tu potencial
 
  • Masculino:
1. Óscar Valle López: Noitebra
2. Manuel Rendo Pérez: Ecopreve
3. Miguel Anxo Nogueira Pérez: Noitebra
 
Dirixiu o acto o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández Pintor, e encargáronse de realizar a entrega o director do S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa (os terceiros premios); Fernando González Abeijón, director xeral de Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude (as persoas segundas clasificadas); e Xosé Sánchez Bugallo, alcalde da cidade (os gañadores e gañadoras).
 
Trala entrega de trofeos e entre aplausos saíu a segunda proba: a andaina solidaria. O mesmo circuíto de cinco quilómetros asistiu ao paseo das case 150 persoas de todas as idades que camiñaron esta mañá “polo Dano Cerebral”.
 
A partir das once e dez sucedéronse cada dez minutos as saídas das categorías sub 12 e sub 10; sub 8 e chupete, que realizaron percorridos máis reducidos, dando voltas arredor do estanque situado a carón da liña de saída e de meta, no Campus Sur.
 
FEGADACE organizou esta Carreira e Andaina Solidaria cos obxectivos de sensibilizar sobre a situación do colectivo do dano cerebral, visibilizar ás persoas con esta discapacidade, promocionar uns hábitos de vida saudable e realizar unha recadación solidaria para a continuación das actividades deportivas #PoloDanoCerebral.
 
Todas as persoas participantes recibiron unha camiseta conmemorativa, que a práctica totalidade portou durante a proba deportiva. As menores de oito anos recibiron, pola contra, e en primicia, o libro de Os Bolechas ‘Mireia conta que é o dano cerebral adquirido’, recentemente elaborado por Pepe Carreiro en colaboración con FEGADACE.
 
Actividade deportiva e solidaria
 
FEGADACE colaborou na organización coa Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e o Centro Encuentra tu Potencial, e contou co apoio da Federación Galega de Atletismo, do Concello de Santiago de Compostela, do Xacobeo 21-22, da Consellería de Política Social e Xuventude, e de varios clubs deportivos de Santiago e comarca. Ademais, máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinaron e/ou apoiaron de diferentes maneiras.
 
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou o ano pasado un Trail e Andaina Solidaria, e vén de realizar unha Travesía a Nado en Vilaxoán. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
 
a. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
b. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)