Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Plataforma del Tercer Sector | 09/10/2023 | Día do Terceiro Sector 2023

O Terceiro Sector lanza un manifesto para celebrar o seu Día Nacional

A plataforma que agrupa a máis de 28 mil entidades reclama máis dereitos e diálogo civil.

09/10/2023 | Santiago de Compostela

A Plataforma del Tercero Sector, unha organización de ámbito estatal que representa a preto de 28.000 entidades sociais, entre as que se atopa FEGADACE, lanzou o manifesto 'Dereitos, colaboración e transformación social: celebrando o traballo do Terceiro Sector desde a unidade' con motivo do Día Nacional do Terceiro Sector que se celebra o 9 de outubro. Declarada o pasado ano polo Consello de Ministros, esta data conmemorativa busca recoñecer a importante contribución que o terceiro sector realiza ao benestar da cidadanía e, especialmente, daquelas persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
 
Neste segundo ano de celebración, a Plataforma del Tercero Sector reivindica o papel das entidades sociais como axentes fundamentais na consecución dun verdadeiro estado social e democrático onde os dereitos humanos e sociais estean garantidos a través dun manifesto elaborado de forma participativa xunto ás entidades membro.
 
No documento, que pode lerse completo nesta ligazón, a organización chama a acción colectiva a través de tres grandes demandas, orientadas a construír e consolidar unha sociedade que garanta os dereitos de todas as persoas, que sexa inclusiva, que defenda e promova a igualdade, o respecto á diversidade e a protección do planeta.

Máis e mellores dereitos

En primeiro lugar, demándanse máis e mellores dereitos sociais, económicos, culturais e ambientais para toda a cidadanía. A Plataforma aspira a que se alcance o máximo recoñecemento e protección dos dereitos sociais, de xeito que queden configurados co carácter de dereitos fundamentais, como dereitos subxectivos, suficientes, vinculantes e exixibles, con mecanismos plenos de protección e tutela, incluída a xudicial.

Máis e mellor diálogo civil

En segundo lugar, deféndese a necesidade de alcanzar un diálogo real, permanente e efectivo entre o terceiro sector e as administracións públicas. O obxectivo é que exista unha colaboración e cooperación xenuína, transparente e sincera para que as entidades sociais sexan axentes fundamentais na construción e desenvolvemento das políticas públicas. Nesa liña, o manifesto sinala que o terceiro sector necesita e expón instrumentos de gobernanza dirixidos a poder influír e participar no deseño, execución e avaliación das políticas públicas para mellorar a situación e os dereitos das persoas máis vulnerables.

Mudanza no modelo de financiamento

Finalmente, reclámase un modelo de financiamento estable, sustentable e garantista que dea resposta aos enormes retos que enfronta o sector, cunha situación económica e financeira moi complexa. A Plataforma apunta que este novo paradigma require dunha avaliación e transformación substancial do sistema de subvencións, de xeito que se impulse máis a concertación social e a contratación socialmente responsable. Neste senso, propoñen que a busca de novas fórmulas de financiamento partan de enfoques baseados na evidencia, da mellora dos sistemas de indicadores e da avaliación dos programas e servizos.
 
*Peza elaborada con información da web de Plataforma del Tercer Sector.
 

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)