Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Luvas e mascariña

Vinte propostas para garantir a atención ás persoas con DCA durante a crise da COVID-19

Ideas para a continuidade dos servizos de rehabilitación e para a protección fronte á doenza.

30/04/2020

O movemento asociativo do dano cerebral adquirido, que representa a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), presenta 20 medidas para garantir a protección das persoas e familias con esta discapacidade durante o período de crise por causa da COVID-19. Estas medidas, que inclúen desde propostas para a rehabilitación a domicilio ata iniciativas para a supervivencia das propias entidades que prestan servizos de atención, son compartidas con todo o asociacionismo do dano cerebral a nivel estatal (articulado arredor de FEDACE), e diríxense ás administracións locais, autonómica e estatal.

Cun escenario de peche temporal das asociacións, os servizos de atención diúrna e de rehabilitación das asociacións de dano cerebral están suspendidos e as persoas con esta discapacidade atópanse nos seus domicilios, cos seus programas de atención e inclusión interrompidos. Só se mantén en funcionamento a residencia que Alento xestiona en Vigo, cumprindo coa nova normativa derivada da necesidade de protección fronte á COVID-19.

As asociacións tratan de asesorar a distancia ás súas persoas usuarias, ofrecendo recomendacións tanto xerais -a través das súas páxinas web e redes sociais- como individualizadas, en contacto directo coas súas familias, para o mantemento, na medida do posible, da atención ás persoas con dano cerebral.

Atención a domicilio e supervivencia do tecido asociativo

Constatada a insuficiencia destes métodos para garantir a correcta atención ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, o movemento asociativo organizou en torno a 20 puntos as necesidades detectadas durante este especial período de confinamento, así como perante a “nova normalidade” que está por chegar nas vindeiras semanas.

Con respecto ás persoas con dano cerebral, proponse que se recoñeza a este colectivo como de alto risco pola complexidade de secuelas que compoñen esta discapacidade. As principais medidas están destinadas a garantir a rehabilitación física e cognitiva a domicilio, a cesión temporal dos medios técnicos que sexan precisos para a teleasistencia, e a atención domiciliaria con todo tipo de servizos de compra, limpeza e apoio.

A nivel hospitalario, reclámanse medidas que sensibilicen á poboación sobre a necesidade de seguir acudindo aos centros sanitarios no caso de detectar algún dos síntomas de alarma do ictus, ou de calquera outra das causas do dano cerebral. Tamén que a reserva de recursos para a atención ás persoas con coronavirus non repercuta na axilización das altas ás persoas con dano cerebral, garantindo a súa correcta atención na contorna sanitaria.

Con respecto aos centros de atención que permanecen abertos, ou que abrirán en condicións especiais durante a "nova normalidade", reclámase o fornecemento dos EPIs, do material de desinfección e dea medicación -habitual ou puntual- necesaria, así como mecanismos de apoio para non poñer en perigo a saúde dos equipos profesionais, das persoas con dano cerebral e das súas familias.

Por último, o catálogo inclúe cinco propostas en materia de financiamento e subvencións para asegurar o seu mantemento e adaptación durante esta crise e as fases inmediatas á súa superación.

O documento completo pode descargarse aquí: Vinte propostas ás administracións para a atención do dano cerebral durante a crise da COVID-19.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)