Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 06/11/2020 | As Xornadas sobre o Dano Cerebral 2020 en Youtube

A coordinación sociosanitaria, gran reto da atención ao dano cerebral en Galicia

Conclusión unánime nas tres Xornadas sobre o Dano Cerebral de FEGADACE, que remataron o mércores.

06/11/2020 | Galicia

As primeiras Xornadas sobre o Dano Cerebral que FEGADACE organizou online deixaron unha conclusión unánime: a necesidade de mellorar a coordinación entre as áreas sanitaria e social para garantir unha correcta atención ao dano cerebral. Máis concretamente, tanto profesionais da rehabilitación como das propias asociacións apuntaron a unha necesidade inmediata: acadar un Plan Asistencial Integrado (PAI) para o Dano Cerebral Adquirido.

Para as persoas que non puideron asistir en directo, FEGADACE dispoñibiliza os vídeos completos na súa canle de Youtube:

  1. Situación actual e retos inmediatos do modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral nas fases aguda e subaguda en Galicia (21/10/2020)
    Juan Ollarves. Médico de Urxencias no HULA
    José María Prieto. Xefe de Servizo de Neuroloxía do CHUS
    Teresa Jorge. Xefa de Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do CHOP
    Miguel Anxo García. Psicólogo Clínico do CHUS
  2. Situación actual e retos inmediatos do modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral nas fases subaguda e crónica en Galicia (28/10/2020)
    Rosa María Martín Mourelle. Médica Rehabilitadora do CHUAC
    Lourdes Bermello López. Enfermeira na Unidade de Neuroloxía do HULA
    Junquera Novo Pérez. Psicóloga/Neuropsicóloga en Sarela
    Iria Abel Parga. Traballadora Social e directora de ADACE Lugo
    Gonzalo Mira Villar. Xerente de Alento
  3. O modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral en España: unha comparación entre o nivel estatal e os autonómicos (04/11/2020)
    Inmaculada Gómez Pastor. Directora do CEADAC
    Francisco Javier Nieto Pol. Director do CPAP de Bergondo
    Jaume Morera Guitart. Coordinador da Oficina de DCA da Comunidade Valenciana e director do Hospital La Pedrera
    Montserrat de la Fuente Hurtado. Xefa de Coordinación Sociosanitaria do Sistema Navarro de Saúde

As dúas primeiras xornadas analizaron a situación do modelo de atención nas fases aguda, subaguda e crónica, con voces implicadas desde o momento da atención de urxencias ás áreas de neuroloxía e rehabilitación, pasando polos campos da enfermería, a neuropsicoloxía ou o traballo social. Cada unha desde o seu espazo de traballo, apuntaron a unha serie de solucións coincidentes e confluíntes na cuestión da coordinación:

  • É necesaria unha rehabilitación integral -definida con nocións que van desde "transdisciplinar" a "traballo en equipo"-, cunha abordaxe holística -incluíndo atención neuropsicolóxica e outras disciplinas con moi escasa presenza no sistema público, como a logopedia, fisioterapia ou terapia ocupacional-, en unidades especializadas.
  • Cómpre un mapa de recursos sanitarios, sociais e comunitarios, e garantir o acceso a recursos sociais desde o primeiro momento.
  • O dano cerebral adquirido non afecta só á persoa; hai que recoñecer a súa dimensión social, ter en conta a figura da persoa coidadora, garantir a participación da familia e implicala con formación e información clara e accesible -necesidade dunha figura interlocutora única-.

A terceira das xornadas dedicouse a observar e comparar os modelos de atención doutras comunidades autónomas con traxectorias máis avanzadas na coordinación -Navarra e Comunidade Valenciana-, e a revisar o papel que desenvolven tanto o Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral -foi unánime a consideración de que debe haber un só, que exporte as súas boas prácticas e experiencia a todos os recursos de atención- como os centros públicos de dependencia estatal, encarnados no CPAP de Bergondo.

Desde a Federación Galega de Dano Cerebral, xunto coas sociedades científicas que colaboraron na organización -SOGARMEF e SGN- trabállase nun documento máis exhaustivo de conclusións co obxectivo de presentalo ás consellerías de Sanidade e de Política Social para que coñezan detalladamente tanto as necesidades como as propostas de solución, baseadas na evidencia científica, na implicación directa no traballo diario, e na observación de experiencias xa postas en marcha noutros territorios.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)