Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 30/05/2023 | Carreira e Andaina #PoloDanoCerebral (Lalín, 02/07/2023)

Aberta a inscrición na II Carreira e Andaina Solidaria Camiñando #PoloDanoCerebral

A proba vai ter lugar en Lalín o domingo 2 de xullo e está aberta a categorías absoluta e escolares.

06/06/2023 | Lalín

A Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’ volve en 2023 para dar continuidade ao labor que realiza a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) para a promoción duns hábitos de vida saudables -que pasan necesariamente por evitar o sedentarismo-, promovendo a organización de actividades deportivas para todas as idades.
 
Nesta ocasión a cita vai ser no quilómetro cero de Galicia, Lalín, o domingo 2 de xullo. A cita deportiva solidaria co colectivo do dano cerebral adquirido volve contar este ano coas modalidades de carreira e de andaina, e está aberta tanto a persoas adultas como a todas as categorías escolares. Unha vez máis, a proba deportiva de FEGADACE está inserida no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, onde se pode consultar o regulamento.
 
A inscrición está xa aberta en www.carreirasgalegas.org (poderá tramitarse ata o xoves 29 de xuño ás 23:59 hh.). No mesmo enderezo é posible realizar xa unha doazón ao Dorsal 0, para aquelas persoas que non vaian poder asistir. O evento comeza ás 09:15 coa apertura das mesas de recollida de dorsais e o servizo de gardarroupa.
 
As modalidades de inscrición, xunto cos seus prezos, distancias e importes, son as que seguen:
 
PROBA HORA SAÍDA KM PREZO AGASALLOS
Absoluta 10 km (>16 anos) 10:00 10 km 10 € Camiseta
Trofeos para os/as tres primeiros/as atletas, nas categorías feminina e masculina
Absoluta 5 km (>16 anos) 10:00 5 km 5 € Camiseta
Trofeos para os/as tres primeiros/as atletas, nas categorías feminina e masculina
Escolares Sub16 10:00 5 km 5 € Camiseta
Trofeos para os/as tres primeiros/as atletas, nas categorías feminina e masculina
Escolares Sub14 + Sub 12 11:35 800 m 2 € Medalla
Escolares Sub10 11:35 250 m 2 € Medalla
Pitufos + Chupetes (<7 anos) 11:35 100 m 2 € Medalla
Andaina (>16 anos) 11:30 7 km 5 € Camiseta
Andaina (<16 anos) 11:30 7 km 0 € Medalla
 
O lugar de saída e meta de todas as probas é a Praza de Galicia, fronte o edificio do Concello de Lalín. Alí mesmo estará situada a secretaría da competición, lugar da recollida de dorsais e agasallos. As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 09:15 ata 15 minutos antes de cada proba.
 
Na mesma área situarase o posto de entrega de avituallamento, sólido e líquido, que se ofrecerá a todas e todos os participantes ao seu paso por meta.
 
A Federación Galega de Dano Cerebral promove e organiza esta proba, contando coa colaboración da Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e do centro Encuentra tu Potencial, e co apoio da Federación Galega de Atletismo e do Concello de Lalín.
 
Deporte e dano cerebral adquirido
 
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou en 2021 un Trail e Andaina Solidaria, e a I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral en 2022. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
  1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
  2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima. 
Segue toda a información en #PoloDanoCerebral!
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)