Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEDACE | 09/10/2023 | Adaptación do cartel da FEDACE polo Día do DCA 2023.

Programa de actividades para conmemorar o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido

A Federación impulsa diversas accións informativas e reivindicativas ao longo de outubro e novembro.

09/10/2023 | Galicia

O 26 de outubro celébrase o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, unha conmemoración decretada en 2007 polo Consello de Ministros co obxectivo de mobilizar á sociedade e de implicala na prevención desta súbita lesión. Anualmente, tanto a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) como a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organizan arredor desta data diversas accións para reivindicar e promover medidas, recursos e ferramentas para a inclusión do case medio millón de persoas que teñen esta discapacidade en España.
 
Este ano o foco do movemento asociativo do dano cerebral sitúase sobre as secuelas que non son visibles pero que teñen un impacto directo na vida das persoas con DCA e as súas familias, xa que o descoñecemento sobre estas alteracións, tanto por parte da sociedade como das administracións, dificulta a comprensión e a inclusión en todas as áreas.
 
Neste marco, a continuación detállanse as accións e actividades organizadas pola Federación para os meses de outubro e novembro.

Ciclo de charlas de prevención do ictus

Entre o 9 de outubro e o 14 de novembro, FEGADACE e Afundación colaboran na realización de 10 sesións informativas arredor da prevención do ictus e doutras causas do dano cerebral adquirido. As sesións celébranse nos Espazos+60 na Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Santiago e Viveiro e están dirixidas a persoas maiores de 50 anos, un dos colectivos en risco de sufrir un accidente cerebrovascular.
 
Nas sesións, nas que a asistencia é gratuíta previa inscrición, incidirase nas promoción de hábitos saudables, na detección de signos e síntomas de alarma, así como nas pautas de actuación en caso de sufrir dano cerebral, prestando especial atención ao ictus, primeira causa de discapacidade adquirida no noso país. Consulta a información de todas as localidades, datas e horarios nas que celebramos charlas premendo aquí.

Campaña de sensibilización con RENFE

FEGADACE e RENFE colaboran na sensibilización sobre as secuelas invisibles do dano cerebral adquirido a través dunha campaña informativa elaborada pola deseñadora gráfica Raquel Boo. A iniciativa, desenvolta ao abeiro dun convenio de colaboración entre a operadora ferroviaria e a Federación, será visible entre o 16 de outubro e o 6 de novembro en 3.000 repousacabezas dos trens que prestan servizo nos corredores A Coruña-Santiago-Vigo e A Coruña-Santiago-Ourense, así como en 10 estacións da nosa comunidade (Vigo-Urzáiz, Vigo-Guixar, Lugo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela e Ferrol).
 
Baixo o lema "non se pode previr o que non se coñece", a campaña está integrada por tarxetóns e carteis protagonizados por distintas personaxes ilustradas que animan a reflexionar sobre a multiplicidade de caras que pode adquirir o dano cerebral, enfatizando que moitas delas poden non ser facilmente identificables a primeira vista.

Actividades na programación de Superarte no Concello de Viveiro

A Federación participará no programa de actividades paralelo á 5ª edición de "Superarte"; unha mostra de teatro de persoas con diversidade funcional organizado polo Concello de Viveiro que este ano se dedica ao dano cerebral adquirido. A traballadora social de FEGADACE e a directora de ADACE Lugo asistirán á inauguración da iniciativa, que terá lugar o día 16 de outubro ás 20h, e os días 9 e 10 de novembro realizaranse sesións informativas sobre dano cerebral adquirido para alumnado de colexios e institutos do municipio.

Xornada formativa no programa do IX Outouno Saudable da UDC

O martes 17 de outubro, de 11 a 14h, celebramos a xornada formativa “Innovación nos servizos de atención ao dano cerebral" no salón de actos da Facultade de Ciencias da Saúde da Coruña. A actividade, enmarcada no IX Outono Saudable da Universidade da Coruña, abordará, a partir de varias charlas, o traballo desenvolto pola Federación e a entidade coruñesa ADACECO, así como as prácticas innovadoras postas en marcha na atención de proximidade a través do Proxecto Rumbo. As sesións diríxense a alumnado universitario e público xeral interesado na temática e a asistencia é libre até completar aforo.

Acto institucional no Parlamento de Galicia

Un grupo de persoas con dano cerebral adquirido usuarias das asociacións de FEGADACE van ser as protagonistas do acto institucional que se celebrará na semana do 26 de outubro a través da lectura do manifesto no Parlamento de Galicia. Os detalles do acto, no que tamén estarán presentes integrantes das xuntas directivas do movemento asociativo, así como representantes do poder lexislativo, serán compartidos nos vindeiros días.
 
Así mesmo, proximamente compartirase información das accións organizadas polas asociacións que conforman a Federación e que completan o intenso e diverso programa conmemorativo.
Cartel de FEDACE polo Día do Dano Cerebral Adquirido
Cada ano, FEDACE convoca un concurso de creación do cartel conmemorativo da efeméride no que participan persoas usuarias das súas entidades membro para participar na visibilización e sensibilización. Este ano, a ilustración seleccionada titúlase "El daño invisible" e foi realizada por Antonio Huertas García, usuario de ADACE CLM en Alcázar de San Juan.
 
Segundo sinala o autor, "o dano produce un gran baleiro que cambia todo o que foches. Obrígache a esquecer quen eras e a aprender a convivir cun estraño que es ti mesmo. Pero, sobre todo, pon a proba a todos os que che rodean e teñen que aprender a aceptarte. É a eses heroes anónimos, que cada día dan todo por ti, aos que máis debemos. Realmente son quen che fan pensar que merece a pena seguir adiante. Polo menos a min pasoume".
 
 
 
 

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Día Nacional do Dano Cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)