Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 30/06/2023 | Cartel Carreira e Andaina PoloDanoCerebral Lalín

Máis de 250 persoas inscritas na Carreira e Andaina Solidaria #PoloDanoCerebral

Entregan os trofeos o alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias; o Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; a Directora de Sarela, Rocío García e o veciño de Lalín, Amado López.
 

30/06/2023 | Lalín

Aínda coa inscrición aberta, un total de 256 persoas están xa inscritas para participar, este domingo en Santiago de Compostela, na II Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’. Esta proba enmárcase no ciclo de actividades “Coñecendo o Dano Cerebral Adquirido en Lalín” e no convenio de colaboración que une á Federación Galega de Dano Cerebral coa capital do Deza para a realización de actividades de sensibilización e prevención desta discapacidade. Conta co apoio de 17 empresas de Lalín, Comarca do Deza e Chantada.
 
A Carreira e Andaina Solidaria está organizada por FEGADACE cos obxectivos de sensibilizar sobre a situación do colectivo do dano cerebral, visibilizar ás persoas con esta discapacidade, promocionar uns hábitos de vida saudable e realizar unha recadación solidaria para a continuación das actividades deportivas #PoloDanoCerebral.
 
O lugar de saída e meta de todas as probas é a Praza de Galicia, fronte o edificio do Concello de Lalín. Alí mesmo estará situada a secretaría da competición, lugar da recollida de dorsais e agasallos. As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 09:15 ata 15 minutos antes de cada proba.
 
Na mesma área situarase o posto de entrega de avituallamento, sólido e líquido, que se ofrecerá a todas e todos os participantes ao seu paso por meta.
 
As categorías absolutas da carreira, en 10k e 5k, e a Sub 16, con máis de 80 persoas inscritas ata agora, sairán ás 10:00. A partir das 11:15 aproximadamente está previsto que se celebre a entrega de trofeos, que van realizar, na compaña do presidente de FEGADACE, Luciano Fernández Pintor, representantes das diferentes entidades que apoian esta iniciativa: o alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo; o veciño de Lalín e socio de Asociación Sarela de Santiago de Compostela, Amado López Gutiérrez e a directora da mesma asociación, Rocío García Calvo.
 
A continuación, a partir das 11:30 será a quenda das categorías sub14 e sub12, que realizarán un percorrido de 800m, sub10 de 250m e chupetes (que inclúe pitufos, <7 anos), de 100m.
 
Por último, sairá a andaina tamén a partir das 11:30 percorrendo o circuíto á beira do Pontiñas de case 7km.
 
Todas as persoas participantes van recibir un agasallo. As maiores de 16 anos levarán unha camiseta conmemorativa; para as menores entregarase unha medalla.
 
Dorsais e regulamento
 
A recollida de dorsais vaise realizar o mesmo día no lugar de saída e meta e as persoas participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 09:15 ata 15 minutos antes de cada proba. Toda a información técnica está recollida no regulamento da proba.
 
Ademais, para as persoas que queiran realizar unha achega solidaria e non poidan participar, a organización habilitou un Dorsal 0 no que aínda se poden realizar contribucións.
 
 
Deporte e dano cerebral adquirido
 
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou en 2021 un Trail e Andaina Solidaria, e a I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral en 2022. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
  1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
  2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima. 
Ciclo de actividades en xullo
 
O principal froito do convenio que une a Lalín e a FEGADACE é o ciclo de actividades de sensibilización ‘Coñecendo o dano cerebral adquirido en Lalín’, que se desenvolverá no mes de xullo, e no que se insire a carreira e andaina. Detallounas na súa intervención o presidente de FEGADACE:
 
Exposición 'Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido'
Auditorio de Lalín | 26/06/2023 a 10/07/2023 | Luns a venres de 16:00 a 20:00
 
Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’
Saída e meta: Praza de Galicia | 02/07/2023 | 10:00
 
Charla de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido
Salón de actos da Biblioteca | 04/07/2023 | 17:00
*Prégase tramitar inscrición no 681301 958 ou no 986 780 014. Vai estar impartida por profesionais de Sarela, a asociación compostelá de dano cerebral, que se encarga da atención da poboación de Lalín e do Deza.
 
Obradoiro 'Os Bolechas' para nenas e nenos de 3 a 6 anos
Campamento de Verán | 05/07/2023 | 11:00
*Actividade destinada ás nenas e nenos participantes no campamento de verán, na que se vai regalar o libro ‘Mireia conta que é o dano cerebral adquirido’, editado por FEGADACE no marco da serie Os Bolechas.
 
Cinefórum
Salón de actos da Biblioteca | 06/07/2023 | 19:00
*Prégase tramitar inscrición no 681301 958 ou no 986 780 014. A película, na que se tratará o tema do dano cerebral adquirido e as súas secuelas, cunha sesión de debate guiada polas profesionais de FEGADACE, está pendente de confirmación.
 
Este ciclo de actividades, organizado por FEGADACE, conta coa colaboración de Sarela, do Concello de Lalín, e da Consellería de Política Social e Xuventude.
 
 
Segue toda a información en #PoloDanoCerebral!
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención